A Xunta de Confrarías presentou onte o cartel e o programa da Semana Santa de Santiago 2019

Presentación Semana Santa 2018

A Xunta de Confrarías presentou onte o cartel e o programa da Semana Santa de Santiago 2019

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2019

Coa presenza do Delegado Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, e do Consiliario da propia Xunta de Confrarías, Elisardo Temperán; o Presidente José Muñiz comezaba a súa intervención destacando “o intenso traballo” das 13 Confrarías de Santiago dende que adquiriran a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia o 9 de maio do pasado ano por parte da Xunta de Galicia.

Respecto a anos anteriores, que a presentación tiña lugar pouco antes da propia Semana Santa, este ano quixeron adiantarse como mostra do traballo de difusión que queren levar a cabo durante todo o ano. Un feito que coincide coa presentación que levarán a cabo na Feira Internacional de Turismo (FITUR) o vindeiro xoves, 24 de xaneiro en Madrid, na que presentarán un vídeo promocional e explicarán os motivos de visitar a capital de Galicia entre os días 23 e 27 de abril deste ano. Muñiz adiantou que dende a propia Xunta falarán da importancia das diferentes tallas de alto valor artístico, así como da historia das diferentes Confrarías que despois de case 400 anos continúan a percorrer as rúas de Compostela nos 17 desfiles procesionais.

Pola súa banda, o Presidente tamén quixo facer público o compromiso das diferentes Confrarías en canto á actividade das mesmas, facendo unha aposta nas súas redes sociais, así como no seu propio logo que presentaban onte, que mantén a esencia do que tiñan ata o de agora, pero que se modifica para que teña continuidade ao longo do ano, aproveitando a ocasión para incluír a distinción xunto ao logo de Turismo de Galicia.

Muñiz aproveitou tamén para agradecer a Compostela Monumental e á Xunta de Galicia a súa colaboración na elaboración dos carteis e programas respectivamente. Coa mesma, garanten que ao comezo da Coresma, terá comezo unha gran labor de difusión.

Un cartel, que este ano preside a segunda Confraría máis antiga, a da Nosa Señora da Quinta Angustia, que foi fundada no ano 1464, e na que a súa imaxe adquire un gran protagonismo como unha das obras máis importantes da Semana Santa Compostelá, realizada polo imaxineiro Jesús Picón no século XX.

Tamén se destacou o feito de presentar o programa, que un ano máis, decidiron elaborar dotado exclusivamente de contido relixioso e procesional, no que dende a Xunta de Confrarías avanzaron que non haberá modificacións respecto a outros anos, tendo lugar, en total, dende o día 12 de abril, “Venres de Paixón”, e ata o día 28 no que se celebra a “Dominica in Albis”, 17 procesións.

Por último, dende a Xunta de Confrarías quixeron facer un chamamento á sociedade Santiaguesa, como cidade referente do Cristianismo que é, a que promocionen a nosa Semana Santa, así como para participar nela, xa que as portas das 13 Confrarías están abertas todo o ano para compartir non a Semana Santa, senón tamén os valores relixiosos e outro tipo de actividades que levan a cabo cada unha delas.